domingo, 17 de abril de 2016

Club lectura de 5º B





O alumnado do club de lectura GANDULÉS de 5º B escolleu para este mes a lectura do libro de Xabier do Campo "O misterio das badaladas".

Resume da obra

En Eiranova acaban de instalar un reloxo no campanario da igrexa. Xa desde a primeira noite este reloxo comeza a se comportar dun xeito un tanto extrano: as doce da noite non da as doce badaladas que sería de agardar, senón que da TRECE.Demostrado que non hai avaría que xustifique tan peculiar comportamento, Cristina e os seus amigos comezan a se interesar por desentrañaren o misterio da décimo terceira badalada.A aparición de sucesivas e raras pistas pon os rapaces no camiño da solución, cara á que avanzan penosamente pola complicación progresiva das mensaxes recibidas.Cando coñezan a causa de que o reloxo de Eiranova toque unha badalada de máis cada media noite, atoparanse cunha verdadeira sorpresa.



  Autobiografía do autor:

 "Nacín chairego e fillo de chairegos o 5 de abril de 1946 en Rábade (Lugo). Aos meus sete meses trasladámonos a Castro de Ribeiras de Lea, de alí era miña mai —meu pai de Xermar (Cospeito)—, onde fun por primeira vez á escola.     Pasando por enriba da etapa máis interesante da miña vida, a infancia, no comezo da adolescencia a familia enteira trasladouse a vivir á Coruña onde estudiei o bacharelato e maxisterio, sen perder nunca o contacto coa Terra Cha a onde regresabamos en calquera oportunidade por curta que fose a estancia.     Traballei como mestre en varios colexios e durante oito anos en Preescolar na Casa. Estiven sempre relacionado cos movementos de renovación pedagóxica.     Pertencín ao Consello de Redacción da Revista Galega de Educación. Dei cursos a profesores e lin ponencias en congresos sobre a didáctica da lingua e a literatura, sobre a lectura e a súa implantación escolar e social, sobre a narración oral, a súa estructura, a súa influencia na literatura escrita e a súa utilización didáctica, tanto en Galicia coma fóra. Estas actividades de reflexión sobre da narración oral, a escritura e a lectura leváronme a participar como conferenciante en eventos sobre tales temas en América en diversas ocasións.     Escribín libros de texto para a escola e textos de ensaio didáctico e pedagóxico.     Fun actor e director de teatro. Traballei durante sete anos en Radio Nacional de España en Galicia como guionista e como director de programas de diverso tipo e formato. Tamén escribín e dirixín obras para vídeo e para televisión. Dei cursos a profesores sobre a utilización didáctica de ambos medios.     Durante un tempo fixen diferentes actividades de narración oral en distintos lugares de Galicia e de fóra.     Participei na creación da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) na que pertencín durante cinco anos á súa xunta directiva, dous deles como presidente.     Durante tres anos fun columnista semanal na prensa diaria".


En 1995 obtivo o Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil por Cando petan na porta pela noite.

Máis información pinchando aquí

Ningún comentario:

Publicar un comentario